Temas tratados na xuntanza de Lalín o xoves 9 de setembro. Propostas de actuación.
Antes de nada dicirvos que decidimos crear un blog para ter un lugar onde colgar os documentos que imos elaborando e como forma de chegar a máis xente porque hai persoas reacias, polos motivos que sexan a facerse unha conta en Facebook.
I.- Exposición da liña de actuación que entre todos viñemos deseñando ao longo deste mes:
a)Información ás familias: é moi importante que os pais e as nais saiban por que facemos o que facemos, e o mellor é que nós lles deamos esa información, mediante un escrito, unha reunión, ou as dúas cousas. Xa sabedes que temos un modelo de escrito para quen o queira utilizar. Estará colgado no blog e cada un pode descargalo e modificalo ao seu gusto. Se decidimos facer unha xuntanza, temos que ter en conta que sempre vai haber quen estea moi en contra da nosa postura. Intentemos manter a calma e convencer con argumentos, sempre respectando e tratando de entender a súa postura para que eles fagan o mesmo coa nosa. E nunca utilizar un argumento que poida ser empregado tamén polos obrigados a dar as aulas en galego para dalas en castelán, como a liberdade lingüística. Recordade que non a temos.
b)Informar ao claustro e pedir que se manifeste contra o decreto: Tamén sabedes que temos un documento elaborado para isto. O procedemento sería:
1.-Pedir á dirección que inclúa un punto na orde do día, que podería ser: “Votación do escrito de rexeitamento ao Decreto do Plurilingüismo e apoio ao profesorado directamente afectados”. Non se pode deixar para Preguntas e suxestións porque aí non se pode votar.
2.-Se a dirección non quixese colaborar e se negase a incluír o punto, o que hai que facer é o seguinte: recoller sinaturas (ten que ser 1/3 do claustro, con nome, DNI e sinatura) e presentar unha solicitude acompañada das sinaturas e do escrito que se vai votar, dándolle rexistro de entrada. A dirección ten 20 días para convocar o claustro.
3.-Pensamos que a votación debería ser secreta, para non presionar a ninguén e non crear máis conflitos dos que xa imos ter.
4.-Con este escrito facemos tres cousas:
-Incluílo no DOC (Documento organizativo do centro). Supoño que neste caso, ten que colaborar a dirección.
-Incluílo no Proxecto Lingüístico do Centro. Na Comisión que elabora este proxecto pode estar calquera, ademais dos obrigatorios. Estaría ben que nesa comisión houbese xente contraria ao decreto. Intentade entrar.
-Envialo ao enderezo de Profes co galego (profescogalego@gmail.com). Deste xeito imos creando un rexistro de claustros que rexeitan o decreto.
Todos estes documentos coa información váiselle facer chegar a todos os centros.
II.-Accións para explicar á sociedade a nosa postura. Continuamos coa idea de que é importante informar, e temos moi poucos medios. Por iso pensamos que poderíamos aproveitar as manifestacións do conselleiro destes días para respostarlle cunha carta aberta. A idea principal non é contestarlle a el, senón que a información chegue a cantos máis mellor. Hai un borrador colgado no taboleiro (muro) do grupo. Estámola ultimando e, en canto teñamos a definitiva, colgámola e mandámoslla a todos os medios.
O máis probable é que saia o domingo. Ademais disto, as presentacións que farán Alba Nogueira e Luís Villares por todas as cidades galegas farán que toda esta información chegue a máis xente. É importante que entre todos lles deamos a maior difusión posible.
III.- Relación con outros grupos: case non puidemos falar disto. Pero pensamos que é importante manter a nosa independencia. Contamos coa colaboración para o que necesitemos de Queremos Galego e a Coordinadora de equipos de normalización lingüística.
IV.- Libros de texto. Este tema só saíu no coloquio final despois da presentación. A idea xeral é non poñer libro de texto. Os libros en galego que xa temos pódense utilizar nunha biblioteca de aula ou prestalos a través da ANPA, que sexan os propios pais os que soliciten o préstamo.
Aínda que non nos deu tempo a falar disto, un compañeiro da Estrada, Xosé Eixo, traía un material moi interesante para matemáticas. Trátase das unidades do Proxecto Descartes, que xa están traducidas ao galego, pero que non van poder estar dispoñibles na propia páxina do proxecto para este curso. El vaino colgar na páxina do seu instituto: IES Antón Losada, de A Estrada, para que calquera poida descargalas e utilizalas. No blog poñeremos un enlace a todos eses materiais que nos vaian chegando.
V.-Posibles consecuencias da desobediencia. A opinión dos expertos é que, coa lei na man, non nos poden facer nada. A Lei Orgánica do Poder Xudicial establece que: “Os Xuíces e Tribunais non aplicarán os regulamentos ou calquera outra disposición contrarios á Constitución, á lei ou ao principio de xerarquía normativa”. A súa opinión é que se abren algún expediente, non tardará en ser arquivado.
VI.- Creación dunha coordinadora. Un dos asistentes propuxo crear unha coordinadora para estar mellor organizados e poder responder de forma rápida ante calquera situación que se poida presentar. Nós xa estamos un pouco desbordados con todo o que estamos facendo. Se hai voluntarios para poñer en marcha esa coordinadora que se poñan en contacto entre eles e que empecen a traballar.
Para rematar, a presentación de Luís Villares e Alba Nogueira non tivo desperdicio. Sempre é mellor escoitalos a eles, pero para os que non teñades oportunidade de asistir a ningunha das que van facer por toda Galicia, recoméndovos que vexades a presentación que fixo Manuel Vilariño, que el mesmo colgou no taboleiro, e que resume o que eles contan. En canto teñamos o blog, colgaremos tamén a de Alba Nogueira.
Temas tratados na xuntanza de Lalín o xoves 9 de setembro
0 comentários:
Enviar um comentário