O claustro do CPI/IES/CEIP .................................................................................................... aprobou por maioría o rexeitamento ao decreto de plurilingüismo e quere manifestar a súa soliedariedade co alumnado e profesorado directamente implicados.
Tomamos esta postura baseándonos nos seguintes argumentos:
1. Consideramos que este decreto non resolve ningún dos problemas diagnosticados no ensino en Galicia e resulta lesivo para o alumnado. É lesivo porque a pesares de que desde a incorporación do galego ao ensino se produciu un significativo avance na competencia oral e escrita; e aínda co paulatino avance do uso do idioma galego como lingua vehicular no ensino, non se impediu a alarmante diminución de galegofalantes nas últimas décadas. O ensino debe contrarrestar a minorización que o galego sofre noutros ámbitos da sociedade, maiormente nos inseridos na vida cotiá da infancia e dos mozos e mozas: hábitat urbano e vilego, cultura de masas, deportes, medios de comunicación, consumo, etcétera que provocan unha real inmersión da poboación nova galega no castelán. Por outra banda os diversos informes publicados evidencian que o alumnado acada maior competencia lingúística en castelán ca en galego, mesmo nos centros con predominio do galego como lingua vehicular, non digamos en contornos urbanos monolingües en castelán onde as diferenzas son especialmente significativas pola baixa competencia en galego. O decreto aprobado, lonxe de corrixir, agravará esta situación, pois céntrase nun pretendido “equilibrio” entre ambas linguas no sistema educativo, esquecendo o forte desequilibrio en contra do galego no resto dos ámbitos.
2. As consecuencias do decreto son especialmente graves na etapa infantil, pois significará que en contornos urbanos e vilegos o contacto dos nenos e nenas co galego sexa practicamente anecdótico. O decreto non vai encamiñado a promover unha infancia bilingüe, senón dúas: unha castelanfalante, urbana e maioritaria, e outra galegofalante, rural e minoritaria.
3. O feito de fixar unha lingua vehicular na aprendizaxe só ten sentido co fin de mellorar a competencia nesa lingua. De maneira que a escolla dunha ou doutra non é unha cuestión de liberdade senón metodolóxica, polo que falar de imposición só na lingua vehicular carece de fundamento, pois todo o curriculum é imposto.
4. Distintos colectivos que agrupan a ensinantes de matemáticas, ciencias e tecnoloxía (Agapema, Enciga, Apetega …), e que usan o galego con normalidade nas súas publicacións, téñense manifestado en contra deste decreto e contrastado que na súa xa dilatada historia, non tiveron coñecemento de queixas nin reclamacións entre os seus asociados polo feito de ter empregado o galego na aula.
5. Este decreto supón, na práctica, o desterro universal do galego de amplas áreas do coñecemento, singularmente as Matemáticas, Física e Tecnoloxía, e bota por terra todo o esforzo desenvolvido durante todos estes anos tanto na elaboración de materiais didácticos e construción de vocabulario específico (que se non é nas aulas dificilmente será adquirido noutros ámbitos) como na superación de prexuízos para seren utilizados.
6. Como consecuencia deste decreto, diversas editoriais xa se teñen posto en contacto cos departamentos afectados para anunciar que non publicarán material didáctico en galego para estas disciplinas. Isto contrasta coa ampla presenza que, no pasado, tiña o material escrito en castelán nas areas que tiñan que ser impartidas en galego.
7. Con esta nova norma aliméntase o prexuízo instalado en parte da sociedade de que o galego non é apto para ser usado en determinados ámbitos do coñecemento, que ademais son os de maior prestixio social na actualidade.
8. A nova normativa complica a vida organizativa dos centros, apartando os esforzos dos verdadeiros problemas pedagóxicos, e trasladando á comunidade educativa unha absurda guerra entre linguas importada de rancias tertulias que en Galicia apenas existía.
9. Con este decreto non se pretende elevar o nivel competencial no uso do galego, nin do castelán, no que é de subliñar que o informe Pisa nos situa por riba da media española no coñecemento de castelán. É de agardar entón que as diferenzas observadas entre o alumnado, en función do seu ámbito de procedencia e lingua que usan, vaian en aumento, especialmente entre o alumnado de sectores urbanos monolingües en castelán, o cal, ademais do déficit de formación, coloca a estes alumnos en inferioridade de condicións e pode condicionar o seu futuro á hora de acceder a un posto de traballo.
En definitiva, este decreto non resolve ningún dos problemas diagnosticados no ensino en Galicia e resulta lesivo para o alumnado, para o idioma galego, para a industria cultural do País, para os pais e nais, para os centros, para a docencia, para o profesorado implicado e, por suposto, para toda sociedade galega. É por isto que apoiamos e solidarizámonos co profesorado que nun acto de dignidade persoal e de preocupación polo alumnado e pola cultura galega vai seguir impartindo as súas aulas en galego.
ApoioClaustroVotacion[1]
0 comentários:
Enviar um comentário