“Profes co galego” amosa a súa solidariedade á CGENDL e invita a todo o profesorado a colaborar cos Equipos de Normalización.
“Profes co galego” compara os ataques aos Equipos de Normalización coa violencia de xénero e pide amparo ás institucións.
Así como a sociedade se dotou de mecanismos de discriminación positiva a favor das mulleres tamén estableceu mecanismos de discriminación positiva para a lingua galega. Isto é o que se coñece como normalización lingüística.
Así como a sociedade penaliza os actos criminais de violencia de xénero, tamén debe facer o mesmo cos ataques ás persoas e organizacións que traballan no ámbito da normalización.
“Profes co galego”, como grupo de profesionais interesados e comprometidos en construír unha sociedade máis xusta e igualitaria comprobamos todos os anos o esforzo profesional e incluso persoal que desenvolven os membros dos ENDL, quen normalmente con poucos medios e moito traballo van ensinándonos a todos o camiño da dignificación e do orgullo da lingua propia. Por estas razóns:
· Mostramos todo o noso apoio ao labor dos ENDL, moi especialmente á CGENDL, que desde a súa creación demostrou ser un referente imprescindible nas boas prácticas normalizadoras.
· Instamos ás institucións responsables (Xunta, Consellería de Educación e O. U., Secretaría Xeral de Política Lingüística) a demostraren o seu apoio aos ENDL pois consideramos que é o menos que deben facer na defensa dos traballadores que están desenvolvendo un mandato institucional, o traballo na normalización lingüística, que é un dos alicerces fundamentais do goberno galego. Non facer isto supón abrirlles as portas a grupos políticos radicais que só buscan o enfrontamento e rachar así coas normas de convivencia da vida en democracia e liberdade.
· Xa que agora a comezo de curso é o momento, invitamos a todo o profesorado a colaborar activamente cos ENDL, a formar parte deles e a participar nas campañas que oferte a CGENDL.
0 comentários:
Enviar um comentário